Archivos mensuales: noviembre 2017

25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra a muller

Como cada 25 de novembro denunciamos a violencia que se exerce en todo o mundo e dende todos os ámbitos contra as mulleres.

A violencia de xénero é un problema social que está presente en todos os ámbitos da vida, tanto público como privado e que ten ten a súa orixe na falta de igualdade entre o home e a muller. Esta violencia preséntase de diversos xeitos: físico, sexual, económico, psicolóxico, político, etc. e unha muller é victima dela en todas as etapas da súa vida. 

Unha das claves para a loita e prevención da violencia cara as mulleres e o desenvolvemento de programas e accións coeducativas integradas no sistema educativo formal e informal que brinden a posibilidade de cuestionar o rol de xénero asignado e de recoñecer a riqueza que aporta a diversidade de xénero, co obxectivo de superar as desigualdades existentes e previr a violencia e os conflitos por razón de xénero.

Neste senso, ASEDUC realiza de xeito transversal esta prevención en todos os programas que imparte, ademais de desenvolver programas específicos sobre igualdade e en contra da violencia.

Dende 1981 conmemórase o día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller o 25 de novembro, día no que foron asasinadas as tres irmás Mirabal, asasinadas ese mesmo día no ano 1960 pola súa loita política en contra do dictador Trujillo.

 

 

Obradoiro resolución de conflitos a través da arte en Equus Zebra

Dende o pasado mes de outubro Aseduc realizamos un obradoiro en colaboración con Equus Zebra de “Resolución de conflitos a través da arte. ExpresARTE, emocionARTE, comunicARTE, relacionARTE”.

Os destinatarios deste obradoiro son rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, que realizan actividades nas que a creatividade e o xogo son utilizados coma ferramenta para o desenvolvemento dunha cultura da paz.

Utilizamos a pintura, a música, o teatro, o cinema, etc. para traballar diferentes contidos relacionados coa educación emocional, a resolución de conflitos, a comunicación positiva e as relacións interpersoais positivas.

Rapazas e rapaces aprenden a través desta actividade a controlar a súa ira, a recoñecer as emocións básicas, a coñecer cada unha das emocións, a desenvolver a súa empatía e comunicación, a entender a importancia da escoita activa, fomentando con todo elo un diálogo democrático.

O saber comunicarse e o recoñcer emocións propias e alleas permitiralles unha maduración positiva e unha solvencia adecuada para unha boa integración na sociedade.

Esta  actividade inclúese dentro do noso convenio de colaboración firmado no ano 2016 con Equus Zebra.

Formación para profesionais e persoas voluntarias de Equus Zebra

Dende o día martes 10 de outubro, Aseduc está a realizar un curso de formación para profesionais e persoas voluntarias da entidade Equus Zebra da cidade da Coruña (onx que dende o ano 2000 traballa coa misión de integrar a persoas en risco de exclusión social).

As persoas destinatarias desta formación son o voluntariado de Equus Zebra e a proposta educativa aborda a aprendizaxe de condutas , actitudes e interaccións sociais que se enmarcan na área de desenvolvemento social do individuo.

O obxectivo é dar orientacións sobre como establecer normas, límites e previr conflitos, co fin de xerar unha relación entre o voluntariado e as crianzas baseada no respecto e na confianza mutua, que lles aporte experiencias positivas para unha mellor integración. Todo a través da modificación conductual a través do reforzo positivo e as súas consecuencias.

A figura da persoa voluntaria, neste contexto, é clave porque de forma explícita ten moitas oportunidades para potenciar que se favoreza a sociabilidade e a autonomía persoal. 

Esta formación inclúese dentro do noso convenio de colaboración firmado no ano 2016, no que ademais desta actividade , estase a realizar un obradoiro de resolución de conflitos a través da arte (con rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos) e un obradoiro de educación para a saúde (con rapazas e rapaces de 12 a 18 anos).

 

 

 

Inicio Programa de reforzo e apoio educativo municipal de Oleiros (PRAEMO)

O vindeiro luns, día 6 de Novembro, dará inicio o Programa de reforzo e apoio educativo municipal de Oleiros (PRAEMO).

Este programa vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria do Concello de Oleiros, tendo por obxectivos:

  • Previr o fracaso escolar
  • Previr e/ou reducir o absentismo
  • Apoiar ás familias na educación fóra do horario escolar
  • Apoiar ao alumnado no avance e desenvolvemento dos seus estudos
  • Promover hábitos e técnicas de estudo
  • Reforzar as aprendizaxes que realizan na escola

Este programa impártese ao alumnado de Educación Primaria en horario de 17h a 19h e ao alumnado de Secundaria en horario de 18h a 20h (agás no Centro Cívico de Santa Cruz que será de 18,30h a 20,30h).

Os lugares de impartición son: Centro Cívico de Santa Cruz, Casa do Pobo de Nos, Centro Social Rialta e Casa da Cultura de Perillo.

Para pedir máis información, ou inscribirse, deberán dirixirse as oficinas da Concellería de Ensino e Xuventude (A Fábrica) ou por correo electrónico a ensino@oleiros.org