Archivo de la etiqueta: Marina

A educación, unha ferramenta clave para erradicar o acoso escolar

Neste artigo recóllese a ideoloxía de José Antonio Marina, catedrático comprometido co proxecto de impulsar unha “mobilización educativa” co propósito de involucrar a toda a sociedade española, na tarefa de mellorar a educación, mediante un cambio cultural que aproveite a preocupación, a xenerosidade, a enerxía e o talento de miles de persoas dispostas a colaborar. A proposta máis recente desta mobilización educativa foi impulsar unha Universidade de Pais online. É un proxecto pedagóxico para colaborar cos pais durante todo o proceso educativo dos seus fillos. A idea fundamental deste proxecto é que toda a sociedade debe axudar nesta tarefa.

Un centro educativo pode eliminar a violencia se segue os protocolos axeitados. Cada tipo de violencia ou de agresividade precisa un tratamento diferente. O acoso é un caso especial de violencia: aquela que se exerce premeditadamente para facer dano, durante un período largo de tempo. Por iso, non ten nada que ver coa agresividade explosiva ou puntual. No acoso hai tres protagonistas: o acosador, a vítima e os espectadores, polo que debemos dirixir as medidas educativas cara os tres: A  vítima para apoiala, ao acosador para facerlle cambiar de conduta e aos espectadores para que se dean de conta de que poden influír poderosamente en que eses feitos non sucedan.
Nestes protocolos deben fixarse con claridade as responsabilidades de cada axente: da dirección, do claustro, do departamento de orientación, do titor, do profesor na súa aula, dos alumnos, dos pais, da Administración educativa. Hai que aproveitar os procedementos que xa demostraron a súa  eficacia: o establecemento de comisións de convivencia nas que participen os alumnos, o nomeamento dun profesor encargado de poñer en práctica o plan, os procedementos pedagóxicos axeitados dentro da aula.

 

Programas de éxito

O interese pola violencia nas aulas  espertou en 1982, en Noruega, cando tres escolares –de idades entre 10 e 14 anos– se suicidaron por acoso dos seus compañeiros. Como consecuencia, o goberno tomou a única decisión sensata: emprender unha campaña para resolver ese problema. De aí naceu o programa de Dan Olweus, que serviu de referencia para todos os demais, e que está publicado en castelán, co título Conductas de acoso y amenazas entre escolares. Implantouse en miles de centros, durante máis de vinte anos con bos resultados. Baséase en catro principios que deben aplicarse na escola e –idealmente– tamén no fogar.

1.- Cordialidade, interese positivo e implicación por parte dos adultos.

2.- Límites firmes ante un comportamento inaceptable.

3.- Unha aplicación consistente de sancións non punitivas e non físicas.

4.- Adultos que actúen con autoridade e como modelos positivos.

 

En Finlandia, o goberno puxo en práctica con éxito un programa denominado KiVa, deseñado por investigadores da Universidade de Turku. A diferenza doutros programas, KiVa céntrase no grupo, no que están tamén os espectadores que, coa súa pasividade, dan a mensaxe de que non está pasando nada grave, co que se converten en colaboradores do agresor. Non hai que cambiar a actitude da vítima para que sexa máis extravertida ou menos tímida, senón influír nas testemuñas. De conseguirse que non participen no acoso, iso fará cambiar a actitude do acosador. O obxectivo é concienciar da importancia das accións do grupo e defender e apoiar á vítima.

Os estudantes reciben unha vintena de clases aos 7, 10 e 13 anos. Facilitase que as vítimas poidan denunciar a  súa situación, mediante un buzón virtual. En cada centro hai unha comisión formada por tres adultos, que se poñen a traballar en canto detectan un posible caso de violencia.

A avaliación do programa demostra que KiVa  reduciu todos os casos de acoso, que a súa eficacia se ve xa desde o primeiro ano,  e que conseguiu que o acoso escolar desapareza no 79% de las escolas, e se reduza noutro 18%.

Unha vez máis se comproba que a profesionalidade e o desexo de resolver os problemas poden facer prodixios. En cambio, a pasividade, a inercia ou o inmobilismo tan só serven para agravalos.