Asociación Socio–Educativa para a Educación

A educación como base do futuro da nosa sociedade

Rúa Neveda, 4 Bajo
Santa Cruz - Oleiros

Teléfono: 981 929 354
Móvil: 680 337 658

Horario: L-V 09:00h a 13:00h - 16:00h a 20:00h

Manifiesto do CEESG no Día Mundial da Educación Social. 100% Educación Social

O 2 de Outubro conmemórase o Día Mundial da Educación Social, un dereito da cidadanía. Unha concepción da cidadanía articulada desde a igualdade de oportunidades, a solidariedade, a democracia e a autonomía persoal.

A EDUCACIÓN É UN DEREITO SOCIAL E É A CLAVE PARA O PROGRESO DA SOCIEDADE E A REDUCIÓN DA DESIGUALDADE.

Nesta celebración unímonos os/as profesionais que facemos visible a educación nos diversos escenarios sociais e as persoas que, coas súas demandas, reclaman unha intervención socioeducativa como relación e camiño cara ao progreso persoal e social.

Este ano celebrouse o VII Congreso de Educación Social en Sevilla e por iso, no Día Mundial da Educación Social, rescatamos a herdanza do traballo realizado alí. Reivindicamos a esencia da profesión e da Educación Social: 100% Educación Social, unha identidade, un carácter e unha idiosincrasia propios para construír cidadanía.

Desde que a sociedade civil decidiu tomar a palabra no espazo público manifestouse a través dos diversos movementos sociais para cambiar a forma de facer Política, cunha democracia participativa e deliberativa, que pugna por deixar atrás as formulacións conservadoras que afogan o pensamento crítico dos cidadáns e as cidadás.

As diferentes mareas cidadás representaron un referente revitalizador, lembrándonos que non debemos dar nin un paso atrás no sostemento dos dereitos sociais, e que na transformación da sociedade debe rexer o principio de igualdade de oportunidades e xustiza social: educación, sanidade e servizos sociais, alicerces básicos, xunto ás pensións, do noso estado do benestar.

Debemos fomentar e participar na construción dunha nova Política que non sexa refuxio de valores insolidarios ante as situacións de tantas persoas que noutros países están a sufrir as perdas vitais de Dereitos Humanos e que xeran, entre outras consecuencias, os movementos humanos que nos deixan lamentables escenas de persoas sen fogar e sen dereitos, persoas refuxiadas sen o trato nin a acollida que se merecen e tráxicos desenlaces de vidas que se desvanecen no anonimato.

No Día Mundial da EDUCACIÓN SOCIAL volvemos lembrar o noso compromiso adquirido en Sevilla para a transformación da nosa realidade máis próxima, exercendo con profesionalidade e humildade aquilo que mellor sabemos facer: DAR RESPOSTA AO CONXUNTO DA POBOACIÓN CON ACTUACIÓNS QUE CONTRIBÚAN AO SEU BENESTAR, INTEGRACIÓN, FORMACIÓN E PARTICIPACIÓN NA VIDA SOCIAL.

Por iso, comprometémonos a:

  • Implicarnos na transformación social que se concrete de maneira efectiva na implantación dos Dereitos Humanos e Sociais Fundamentais, desenvolvendo a Educación Social, nas diferentes esferas ao longo da vida das persoas, sendo estas as protagonistas das súas historias e da Historia.
  • Esixir unhas políticas que creen contextos baseados na xustiza social e a igualdade, promovendo a mediación como proceso educativo que nos empodera como persoas e como suxeitos activos da sociedade.
  • Incrementar a nosa presenza nos escenarios políticos e sociais defendendo unhas políticas de benestar que permitan o pleno desenvolvemento das persoas, renovando a maneira de facer a Política e creando unhas relacións económicas que aseguren unha maior cohesión social desde o respecto á dignidade de todas e de todos.
  • Loitar para conseguir institucións sensibles coas problemáticas sociais, que aposten por políticas de prevención e pola promoción duns valores solidarios.
  • Poñer no centro da nosa acción socioeducativa as persoas, os colectivos e as contornas máis vulnerables da nosa sociedade, desde unha posición ética, dando voz á cidadanía e xerando contextos dialogantes e participativos reais que posibiliten un novo pacto social para a convivencia.
  • Compartir e transferir o coñecemento que se xera desde a reflexión sobre a práctica creando espazos de confluencia con aqueles que teñen o encargo social de formar ás e aos profesionais.
  • Revisar o noso modelo organizativo para dar resposta ás novas formas de participación e ao noso compromiso social, baseado como mínimo nos principios de solidariedade, xustiza social, igualdade e transparencia.
  • Consolidar o desenvolvemento profesional das educadoras e dos educadores sociais desde unha formación inicial que nos capacite para o desenvolvemento das nosas funcións e desde unha formación permanente que actualice as nosas capacidades de dar resposta aos cambios sociais.
  • Construír un espazo profesional amplo que necesariamente se complemente con outras disciplinas e perfís profesionais, que desenvolva melloras das condicións do exercicio profesional en beneficio das persoas, dos colectivos e das comunidades coas que traballamos, desde redes colaborativas entre os diferentes profesionais de todos os ámbitos que conforman o estado do benestar.
  • Promover a incorporación da educadora e do educador social nos espazos de toma de decisións para influír no deseño e implementación das políticas públicas.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies