Debido a nova situación actual derivada do COVID-19 dende ASEDUC creamos este programa (podedes consultar tríptico informativo) de cara a este verán. Ten por finalidade dar resposta á necesidade de conciliación familiar así como a perda de coñecementos por parte do alumnado debido á falta de clases, a través dunha ensinanza lúdico-educativa. Consta de dúas modalidades: presencial e online.


A situación actual na que deixa o Covid-19 ao sistema educativo español é bastante delicada. Milleiras de nenas e nenos quedaron sen poder ir á escola e tiveron, no mellor dos casos, que adaptarse a un novo estilo educativo online. Este posible retroceso na aprendizaxe nalgúns grupos de estudantes podería resultar nun incremento das súas tasas de repetición nos próximos anos e incluso afectar ás tasas de gradación. Coa perda do último trimestre de clase, e sumado á inactividade dos meses de verán, prodúcese un retroceso en tódolos niveis académicos do estudantado.
Por outra banda, ademáis, na situación actual debido ao Covid-19, unha meirande parte da poboación adulta está a tele-traballar dende os seus fogares, unido ao peche dos centros educativos, polo que é mais necesario que nunca que os nenos e nenas teñan algunha vía alternativa onde traballar, aprender, xogar e interactuar cos seus iguais.
Polo tanto, a través deste proxecto, tamén se pretende facilitar a conciliación da vida personal, familiar e laboral, beneficiando tanto aos nenos e nenas como á unidade familiar no seu conxunto e así paliar as dificultades para poder compatibilizar a actividade laboral das familias coa atención aos/ás menores.
Os obxectivos xerais do programa son:
- Promover a aprendizaxe en entornos dinámicos, atractivos e divertidos.
- Utilizar a gamificación como xeito de aprendizaxe significativo.
- Facilitar a conciliación familiar.